Monday 06 de May de 2024

O Concello de Brión conmemorará esta semana o Día da Muller unha programación que inclúe obradoiros, teatro e concentración


O Concello de Brión conmemorará o Día da Muller cunha programación que inclúe dous obradoiros, unha obra teatral e a tradicional concentración con lectura de manifesto o propio 8 de marzo. Un programa que arrincará mañá martes co primeiro dos dous obradoiros “Reconectarme a través da creatividade”, dirixido a mulleres maiores de 16 anos.

As mulleres participantes aprenderán a conectarse coas súas emocións a través da creatividade, o xogo, o movemento e as artes. Así nestes obradoiros, que terán lugar o 5 e 12 de marzo de 18:45 a 20:45 no centro social polivalente, traballarase con materiais como a pintura, a arxila… se ben o obxectivo non é o resultado artístico das obras en si mesmas, senón a busca da harmonía con un mesmo a través da vivencia dun proceso creativo. Uns obradoiros gratuítos dinamizados por Baia Fernández e dirixidos a mulleres de más de 16 anos, que deberán anotarse a través do mail beatriz.yanez@concellodebrion.gal.

A maiores, o xoves 7 de marzo terá lugar a posta en escena da obra “As damas de Ferrol”, unha comedia de Teatro do Noroeste dirixida a un público adulto. Dirixida por Clara Gayo, trátase dunha comedia de humor negro en clave feminista sobre a historia de dúas mulleres, Maruxa e Lourdes, que só se teñen a unha á outra. Será ás 20:30 horas, no centro social polivelente. A entrada é totalmente de balde, se ben é preciso reservala en bandoticket.com.

Finalmente, o propio venres 8 de marzo, a praza do Concello de Brión acollerá ás 12:00 horas a lectura dun manifesto conmemorativo do Día da Muller. Unha programación elaborada polo Concello de Brión en colaboración coa Deputación da Coruña e o Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.